A Fundación Rosón Arte Contemporáneo con sede na cidade de Pontevedra, en Galicia, ten como finalidade principal o apoio á arte e máis á cultura mediante a realización de proxectos e actividades que incentiven a creación artística e a súa difusión, tanto no contexto galego como no marco nacional e internacional.
Asimesmo, a fundación é depositaria dunha colección privada de máis de 3000 obras de 170 artistas nacionais e internacionais. Esta colección exponse parcialmente, tanto nas instalacións da fundación como en diversas exposicións en forma de préstamos, sempre coa finalidade de ofrecer unha visión da arte contemporánea para promover o coñecemento e a reflexión sobre a arte dos nosos tempos.
Co obxectivo de fomentar o diálogo entre as instancias artísticas e o tecido social, a Fundación Rac ten asumido o compromiso de apoiar a creación contemporánea mediante a instauración do Programa de Residencias. Deste xeito a fundación invita a artistas procedentes de distintos países do mundo a realizar proxectos específicos para se desenvolver e presentar na súa sede, no centro histórico da cidade de Pontevedra. Este programa abre así a vinculación da fundación coa arte contemporánea mais aló do mero coleccionismo para se integrar en todas as etapas do proceso creativo.
Paralelamente a Fundación Rac desenvolve un importante labor pedagóxico e formativo con visitas guiadas á colección, encontros entre estudantes e artistas e máis actividades relacionadas coa literatura.
A Fundación Rac, inaugurada en xuño de 2007, declarouse de interese galego pola Consellería de Cultura e Deportes, á que se adscribiu, considerándose coma unha institución xurídica privada sen ánimo de lucro.